top of page

Inicio de curso

Estimadas familias:

Queremos darvos a benvida a un novo curso escolar, que nesta ocasión vai ser especial e no que vai ser moi importante e necesaria a implicación de toda a comunidade educativa.

Este vai ser un ano cheo de novidades, retos e desafíos para os que nos levamos preparando unha tempada, que nos servirán para garantir un entorno seguro no noso centro.

Nos vindeiros días colgaremos na páxina web os documentos de Adaptación á situación COVID 19 no curso escolar 2020-2021 do noso colexio.

Queremos adiantarvos os puntos principais destes documentos, que serían os seguintes:

1. Normas e instrucións:

  • Cada familia comprobará diariamente, antes de saír da casa, o estado do alumnado empregando a enquisa recollida no Anexo I do protocolo COVID-19, que vén establecido pola Consellería de Educación.

  • No caso de aparición de síntomas compatibles, o alumno ou alumna non acudirá ao colexio e contactará co seu Centro de Saúde, e en caso de non poder contactar ou de estar fóra do horario de atención, acudirase ao PAC correspondente (no noso caso, en Fene).

  • En caso de convivencia con algunha persoa do núcleo familiar sospeitosa de padecer COVID-19, non se poderá acudir ao centro ata que se coñeza o resultado negativo da proba.

  • Será obrigatorio o uso da mascarilla en todo momento para o alumnado de todos os niveis educativos, exceptuando o de Educación Infantil. Neste nivel non é obrigatorio o uso da mascarilla, pero si é recomendable facelo. Tamén será obrigatorio traer unha mascarilla de reposto debidamente gardada nunha funda.

  • Queda prohibida a entrada das familias no recinto escolar, excepto en caso de indicación do profesorado ou equipo directivo, sempre con cita previa e cumprindo as medidas de prevención e hixiene e gardando a distancia de seguridade.

  • No caso do alumnado de Educación Infantil, permitirase a entrada dun adulto acompañante na entrada e recollida.

  • Evitaranse as aglomeracións e formación de grupos nas entradas e saídas. Para iso é moi importante que se respecten os horarios que se asignarán a cada curso, tanto nos primeiros días coma nos horarios definitivos para o curso.

2. Outras medidas adoptadas:

  • Todos os cursos serán grupos estables de convivencia e non realizarán actividades conxuntas con alumnado doutras clases.

  • Adaptación dos horarios de entrada e saída para evitar aglomeracións, para o cal será moi importante respectar os horarios asignados.

  • Adaptación dos recreos. Haberá horarios diferentes e delimitaranse espazos segundo os grupos. Os grupos estarán vixiados polos seus titores ou titoras.

  • Haberá dispensadores de xel hidroalcohólico nas entradas ao centro e dentro das aulas. Nos aseos haberá dispensadores de xel de mans. Haberá papeleiras de pedal con bolsas do lixo.

  • Dentro da aula, o alumnado terá un posto fixo asignado. O material non se poderá compartir co resto de compañeiros e compañeiras. Os postos estarán distanciados a unha distancia mínima de 1,5 metros.

  • Tamén se asignará un posto fixo para todo o curso tanto no transporte escolar como no comedor.

  • Ao longo da xornada, farase lavado de mans con hidroxel un mínimo de 5 veces.

  • Os aseos só poderán ser usados por unha persoa de cada vez.

  • Os corredores estarán marcados e a circulación farase sempre polo lado dereito do mesmo, gardando unha distancia mínima de seguridade de 1,5 m.

  • Haberá alfombras desinfectantes en todas as entradas.

É importante a implicación de todos e todas no seguimento destas normas, polo que vos pedimos comprensión ante as dificultades que poidan xurdir e o voso grao máximo de colaboración.

Entre todos, sairemos adiante.

Un cordial saúdo da dirección e de todo o claustro.

Entradas destacadas
Entradas recientes
Archivo
Buscar por tags
Síguenos
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page