top of page

  A Historia do Centro  

Unha breve reseña histórica do noso Colexio

O Colexio Loyola (CPR LOYOLA), é un Colexio Concertado que naceu en 1967, cando os seus fundadores, Antonio Veiga e Fina Bouza, decidiron crear un Centro de Ensino na Vila de Mugardos.

A súa fundación produciuse despois de varios anos de experiencia impartindo clases en distintos locais da Vila, preparando a moitos alumnos e alumnas para a antiga reválida de bacharelato.

Foi no curso 1967-68, cando se recoñeceu o centro para 8 unidades de Educación Primaria, impartíndose as 4 primeiras na Academia da Calle Alta, e as outras 4 no edificio actual,  xunto co Bacharelato (de 1º a 6º). En 1970 entra en funcionamento a Lei Xeral de Educación, e o Colexio pasa a impartir tres anos de Preescolar, os oitos cursos de EXB, os seis cursos de Bacharelato, e dous cursos de Formación Profesional de primeiro grao na rama administrativa. Sete anos máis tarde, no 1977, desaparece o Bacharelato Elemental e Superior, e entra en funcionamento o Bacharelato Unificado Polivalente (BUP); recoñecéndoselle a este Colexio tres unidades.

Hoxe en día impártense Educación Infantil, de 3 a 5 anos; Educación Primaria, de 6 a 11 anos; Educación Secundaria, de 12 a 16 anos; e dous cursos do Ciclo Formativo de Grao Medio, na rama de Xestión Administrativa. Todas estas ensinanzas son totalmente gratuítas como consecuencia de ser un Centro Concertado, sostido na súa totalidade pola Xunta de Galicia.

           

Despois de cincuenta anos cambiaron moitas cousas, a nivel social, político, e tamén a nivel lexislativo no Sistema Educativo, pero o Colexio soubo adaptarse ás necesidades de cada tempo. O ideal do noso Centro sempre foi unha educación integral, buscando para o noso alumnado a excelencia humana, intelectual, física e social.

 

O actual Colexio é froito dun gran esforzo ao que contribuíron os miles de alumnos e alumnas que pasaron por aquí, así como os fundadores, profesores, ANPAS, e todos os pais e nais que, xuntos, co seu esforzo fixeron posible que chegaramos ata aquí.

         

Dende a Dirección do Centro e o Claustro de Profesores, estes 50 anos de historia anímannos a ir máis alá. Estamos convencidos e motivados para seguir traballando vendo aos rapaces e rapazas como principais protagonistas da súa propia aprendizaxe, e axudándoos nas súas virtudes e problemas para acadar a súa propia excelencia en todos os ámbitos posibles.

A Dirección
bottom of page